| 29/11/2025 |
Fene homenaxeará o sábado 29 de novembro aos mellores deportistas da tempada 2024-2025 |
Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 29 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta V Gala do Deporte están convocados ao redor de 130 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras da concelleira de Deportes, Alba García, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos nosos deportistas poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.
Tal e como se establece nas bases publicadas o pasado 15 de outubro na web municipal, a Gala do Deporte de Fene é un recoñecemento a entidades e deportistas empadroados en Fene, así como a deportistas doutros concellos que leven tres ou máis anos competindo cun club ou entidade de Fene.
Para acadar ese recoñecemento, a Concellería de Deportes abriu un prazo no que calquera entidade, club, persoa, instituión ou asociación puido propoñer unha ou varias persoas, clubs ou entidades deportivas que cumpriran os requisitos establecidos na convocatoria. Ademais, desde este departamento solicitouse ás Federacións deportivas información sobre deportistas feneses que puideran estar competindo en clubs de fóra do Concello. A partir destas propostas elaborouse unha listaxe inicial da que agora, finalizado o prazo de emendas, se fai pública a versión definitiva.
|
DEPORTES |
Ver +
|
| 03/12/2025 |
Este mércores abre o prazo de inscrición para o Campanadal e para os cursiños de patinaxe |
Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores, xogos acuáticos en familia e unha nova edición da carreira San Silvestre.
A piscina municipal de Centieiras acollerá o sábado 20 de decembro, de 17 a 20 horas, o bautismo de mergullo solidario “Ningún neno/a sen xoguete”, para persoas maiores de 6 anos. A actividade é de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o mesmo día. Inscricións, do 3 ao 17 de decembro no correo daviddeibe@casnautilus.org. Esta actividade encádrase na campaña impulsada pola Federación Española de Actividades Subacuáticas que, en Galicia, están a desenvolver a Federación Galega e o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus de Fene.
Tamén na piscina, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, todos os días de apertura da instalación, desenvolveranse os “Xogos acuáticos en familia”, dirixidos a persoas de todas as idades. Os horarios para os mesmos serán os seguintes:
• De luns a venres: de 11:15 a 13:30 h e de 16:00 a 19:00 h.
• Sábados: de 10:00 a 13:00 h e de 17:00 a 20:00 h.
• Domingos: de 10:00 a 13:00 h.
Neste caso a actividade ten un custo de 3,25€/día para unha persoa adulta (se se ten bono, computarase como 1 baño) e un máximo de 2 menores. Para participar non é necesario realizar inscrición previa, pero si é recomendable facer reserva de rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre. Os números de teléfono de contacto para realizar a reserva son os propios da Piscina de Centieiras: 981 344 341 / 607 627 103
As actividades organizadas pola Concellaría de Deportes incluirán tamén unha nova edición do campamento deportivo Campanadal, que se desenvolverá no pavillón da Xunqueira de San Valentín os días 22, 23, 26, 29, 30 de decembro e 2 de xaneiro, de 10.00 a 13.30 horas. A actividade vai dirixida a nenos/as de 4 a 11 anos (feitos a día 31 de decembro de 2025) e ten un custo de 21,95€. Neste campus, os/as participantes realizarán actividades lúdicas, miniexcursións por San Valentín (sempre que o tempo acompañe), obradoiros ralacionados co Nadal, xogos, manualidades, multideporte, baile, música, ... con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e as nenas se sintan a gusto, disfruten, compartan, aprendan e gocen do Nadal.
O Campanadal coincidirá no mesmo espazo e nos mesmos días, do 22 de decembro ao 2 de xaneiro, coas sesións de Patinaxe para persoas adultas e rapazada maior de 3 anos. Neste caso, o horario será de 10.30 a 11.30 horas. O número de prazas dispoñibles ascende a 30 e o custe da actividade a 6,25€.
O período de inscrición para o Campanadal e para a patinaxe permanecerá aberto do 3 ao 18 de decembro, de luns a venres: de 9:00 a 14:00 horas e os mércores tamén de 16.30 a 19:00 horas, nas dependencias administrativas do pavillón da Xunqueira (San Valentín).
A programación deportiva de Nadal do Concello Fene completarase cunha nova edición da carreira popular San Silvestre, prevista para o sábado 27 de decembro a partir das 17.00 horas, con saída e chegada da Avda do Mar de San Valentín. En próximas datas achegarase toda a información sobre a proba. Inscricións até o 21 de decembro na páxina web da Federación de atletismo: https://www.carreirasgalegas.com/
ORGANIZA:
• Concello de Fene.
• Club de actividades subacuaicas Nautilus
• Federación Galega de Atletismo
COLABORAN:
• Deputación da Coruña
• Eroski Fene
|
DEPORTES |
Ver +
|